24/11/13

AS PANTASMAS DE FIDEL (Ardalén)


"AS PANTASMAS DE FIDEL: XANA, RAMÓN E ROSALÍA"

VALERIA M. SÁA FREIRE fala sobre ARDALÉN, de Miguelanxo Prado.

A vida de Fidel, o protagonista de "Ardalén" estaba chea de pantasmas, recordos de Antonio que foron asimilados por Fidel como se foran propios. Só os vía el, xa que realmente só eran iso, recordos. A pantasma coa que pasaba a maioría do tempo era a fada, Xana ou Xaniña, unha muller de longos cabelos louros  e roupas brancas, cun carácter algo duro, e cun gusto sen igual pola calma e pola tranquilidade. Ao longo da historia semella como que está ciumenta todo o tempo, ben de Rosalía (outra pantasma da historia, outro recordo de Antonio), ben de Sabela (a protagonista real do relato). Ao final, sábese que a Xana non era unha fada, senón unha rapaza normal, á que Antonio (non Fidel) chamaba "A Fada", e que coñecía por ser a filla da dona da casaonde a nai de Antonio traballaba como asistenta. Xa desde pequenos había moita complicidade entre ela e mais Toñito, sendo ela quen lle amosou como tocar o piano.

Outra pantasma que convivía con Fidel era un home grande, forte, alto, e cun don innato coas mulleres, Ramón, o mellor amigo de Antonio. Ao longo da historia, descóbrese que Ramón máis Antonio eran mariñeiros ambos os dous e traballaban xuntos no "Riverside". Sábese que Ramón lle salva a vida a Antonio, cando estaban todos a punto de morrer nun naufraxio. Sábese tamén que Ramón morrera, durmindo no camarote, cando unha onda de xigantes dimensións se botou sobre o barco. Antonio sálvase con outros cinco mariñeiros máis. E a "culpa" de non ter podido salvar o seu mellor amigo (como este fixera con el), entristece e amarga a vida de Fidel, que ten os recordos de Antonio.

Tamén convive con Fidel día a día Rosalía. O único amor que tivo Antonio (que non era moi afortunado coas mulleres). Cubana, morena, extrovertida e cun corpo que entolecía a Antonio. Era prostituta (sábese por unha foto onde aparece ela e a súa prima).  Das poucas vivencias que aparecen explícitas na historia do verdadeiro Antonio, aparece el coa foto de Rosalía, maldicíndose por non estar ao seu carón, xunto dela. Minutos despois, mátano.