7/4/13

A ESCOLA DOS MEUS AVÓS: Aser, Pedro (3º T)

A Escola dos Avós


Nome e Apelidos: Florentina Otero Balsa (Avoa de Pedro)
Idade: 77
Outros Datos: Viviu en Holanda e en Monteagudo, tivo dous fillos, traballou ata a xubilación e actualmente vive en Coira.

A que escola fuches?
Á escola de Chaian.
Como era a clase?
Era un único edificio e había nenos de todas as idades.
Como eran os horarios de clase?
De 9:00 a 13:00 e de 15:00 a 18:00.
Que material utilizábades?
Usábamos cadernos, lapis, pizarra e xiz.
Como eran os profesores?
Os profesores eran bos e "facíamos o que queríamos" *risa*.
Algún recordo bo?
Xogos entre todos.
Algún recordo malo?
Cando chovía e tíñamos que ir a clase.
Actividades extraescolares?
Xogos, etc.
Algún compañeiro co que xogaras fóra do horario escolar?
Dorinda era rubia de ollos verdes, tamén estaba Maruxa, que tiña o pelo castaño e ondulado.
Estas son as preguntas á miña súper avoa!




UNHA CLASE NA ESCOLA DE 1940

Nome e Apelidos: Cándido García Álvarez (Avó de Aser)
Idade: 74
Outros Datos: Viviu en Santiago na xuventude, ten a carreira universitaria de química, foi alférez no exército, tocaba a bandurria, ten tres fillos e unha filla, traballou no CSIC en Santiago e actualmente vive en Vidán.


A que escola fuches?
Cando era pequeno fun Ás Huérfanas e logo Á Milagrosa.
Como era a clase?
Eran nenos para un lado e nenas para outro.
Como eran os horarios de clase?
Entraba ás 9:00 e saía ás 13:00 e pola tarde non me acordo (risas...).
Que material utilizábades?
Cadernos e lapis.
Como eran os profesores?
Nas Huérfanas había monxas, algunhas eran boas e outras non. Na Milagrosa, o profesor que tíñamos foi o mellor que tiven nunca.
Algún recordo bo?
Xogar cos compañeiros.
Algún recordo malo?
Cando entrábamos Nas Huérfanas, tíñamos que entrar en fila india e co dedo nos labios para non falar, non me gustaba nada.
Actividades extraescolares?
Non, pero de cando en vez saíamos ao parque.
Algún compañeiro co que xogaras fóra do horario escolar?
Xogaba cos veciños a xogos deses coma o trompo.


Aser García Fernández
Pedro Suárez Iglesias
Febreiro 2013


A ESCOLA DOS MEUS AVÓS: Ángela, Inés, Thais (3º T)


A ESCOLA
DOS
MEUS AVÓS


A persoa entrevistada, Carmen Viqueira, é unha muller de 70 anos nacida en Villestro, Santiago de Compostela. No referente aos estudos e á escola, foi unha persoa que como moito ía dúas ou tres veces na semana á escola. A razón? Tiña que coidar das leiras e do pouco gando que había na familia.
Os poucos días que ía á escola, antes de ir a ela, tiña que deixar xa feitas as cortes e as leiras xa traballadas, e se non lle daba tempo non ía, xa que primeiro era a familia para que ao cabo do día puidesen levar algo que comer á boca.

- A que escola foi?
Fun principalmente á Escola Unitaria de Villestro, pero logo como non podía ir tanto, fun a unha casa onde vivía un mestre e alí, na súa casa, impartía a clase. Nesa casa, non había ninguén que non saíra aprendido co básico (ler e escribir, e sumar e restar), porque o mestre tiña moi mal carácter.

- Existe a escola á que acudiu?
Non, pero a Escola Unitaria de Villestro hai 5 anos aproximadamente que pechou, aínda que non estaba no mesmo lugar ao que eu fun.

- Como era a clase? 
A clase era normal. Había nenos e nenas, pero os nenos estaban na esquerda e as nenas na dereita, é dicir, que estabamos separados por un espazo ancho.
Na clase había un mapa físico e político de España e un dicionario gordísimo na mesa do profesor. Os pupitres eran vellos e a madeira algo xa vella tamén. Escribíamos con carboncillo e se non o collíamos correctamente levabamos coa regla no pescozo ou tirábannos das patillas. Tamén tiñamos ábacos na clase para aprender a sumar e restar e os máis listos e os que máis ían a clase, a multiplicar e dividir.
  
- Cal era o horario das clases?
As clases comezaban ás 9 da mañá e remataban ao redor da 13:30-14:00 da tarde, pero claro, iso era para os rapaces que podían ir. A mayoría ía á escola dous días á semana porque tiñan que coidar da casa, dos irmáns ou familiares pequenos, mentres os seus pais estaban na leira ou nas cortes ou porque había que sachar nas leiras.

- Que materias tiña?
Tiña as cinco materias básicas que había en todas as escolas e que estaban todas nun mesmo libro chamado o “Grado Medio”, e tamén lle chamábamos o “Libro gordo de petete”, e todas estaban impartidas polo mesmo mestre. As materias eran as seguintes:
- Matemáticas
- Lingua Castelá
- Historia de España
- Xeografía
- Ciencias Naturais

- Tiña algún compañeiro/a que sobresaíse?
Había un neno que se chamaba Jacobo e que era menos listo ca os demais. O profesor sempre se poñía dos nervios con el, porque por moito que o profesor facía por ensinarlle, el non daba aprendido as leccións. O pobre, sempre estaba castigado ou de rodillas ou de pé cara á parede.
Despois, había unha nena que era a máis lista de todos, pero tamén influía que ía todos os días á escola e así podíalle explicar mellor o profesor as leccións. Tamén chegaba á casa e non tiña moito que facer con respecto á axuda na familia, así que podía estudar as lecións mentras o resto da clase estaba nas leiras ou nos cortellos. Esta nena, María, foi a que máis sobresaía e acórdome dela perfectamente.

- Como era o profesorado?
O profesor, chamado Don Xaime, era moi estrito, pero á vez era bo, comparado cos demais profesores que podían ter outros nenos. Iso si, tiña moi mal xenio e cando algún alumno non contestaba a lección do día anterior, levaba coa regra no pescozo ou nas mans, ou incluso algún neno mandábao poner de rodillas e con dous dicionarios, un en cada man.

- Recordos bos e malos do colexio:
O que máis recordo do colexio era cando saíamos ao recreo, que xogábamos todos xuntos á “Mariola”, á corda, cos trompos, etc. Pasábamolo moi ben e era o mellor de toda a mañá.
O recordo que menos me gustaba era cando levabas algunha vez coa regra ou tiñas que estar de pé toda unha clase.


- Actividades extraescolares:
Non había excursións como hai agora, nin tampouco líamos libros porque se non había cartos para mercar comida, non ían mercar un libro e aínda por riba co que custaban antes. As únicas cousas que facíamos fóra da escola eran traballar as leiras, axudar na casa, coidar dos familiares pequenos, coidar do gando, e se sobraba algún anaco de tempo, estudabar para que lnos soase a lección para o próximo día que fóramos á escola.


- Que materias lle gustaban máis?
A asinatura que máis me gustaba era a de Xeografía, xa que me gustaban moito os mapas e interesábame moito saber onde estaba un río, unha provincia, etc.




Ángela Daniela Zapata Ruíz
Inés Vázquez Valiñas
Thaís Silva Antelo.
22 de Febreiro de 2013.


A ESCOLA DOS MEUS AVÓS: Andrea, Antía, María, Paula (4º U)



‘‘A ESCOLA DOS MEUS AVÓS’’
A educación para a gran maioría de avós foi como a deste caso, moi poucos puideron chegar a estudar graos superiores ou nas universidades. É este un exemplo máis de todas aquelas persoas que lles tocou vivir naquela época, na que a educación non era apta para todos os petos como debía ser. Moita xente, nin sequera chegou a ir, e tiveron que aprender cando se viron na necesidade. É con isto co que nos decatamos de que a educación é moi importante e debería de ser posible para todos os rapaces, xa que é moi determinante para o desenrolo do futuro.

Constantino Castro Vázquez naceu no ano 1945, en Santiago de Compostela. Estivo na escola López Ferreiro ata os 14 anos onde sacou o graduado de Bachiller. Traballou de mecánico de chapa e pintura, e agora está xubilado.
Constantino con seis anos.

·         Como eran os profesores cos alumnos?

A maior parte dos profesores eran malos, pegábannos con razón ou sen ela, pero estaba ben, tíñano todo moi controlado. Impuñan respecto. A maior parte dos rapaces tíñanlles moito medo ao profesores, por iso moitas veces non se quería ir a clase.

·         Como era a túa clase?

Na miña clase éramos mais ou menos trinta, e de todas as idades. O meu colexio naquel momento era só de homes, logo non sei se mudou.

·         Que recordos tes do colexio?

Os meus maiores recordos son os de cando me pegaban, claramente. Controlábannos moito e non nos podiamos levantar, nin sequera movernos. Teño moitos recordos, pero sempre me van quedar tres:
-Un compañeiro que lle tiña medo ao profesor, tiña ganas de ir ao baño, pero o medo non lle deixaba preguntar. Acabou cagándose enriba e logo todos facían que cheiraba a cadeira para rirse del.
-Un profesor queríalle dar coa regra nun pé a un rapaz. Cando lle ía dar, o rapaz xirou o pé e o profesor rompeu a regra. Todos se riron, e o profesor díxolles que a ver quen era o que lle levaba unha regra nova. Un para facerlle a pelota, levoulle unha regra e o profesor díxolle: `Que bonita é, ven aquí que a imos probar’, e comezou a darlle con ela.
-Íamos por colexios participando en concursos de coro, e sempre quedabamos ben porque senón pegábannos. Un día o máis alto da clase, o máis forte, desafinou, e cando o profesor lle ía pegar, o rapaz deulle unha labazada, saíu correndo e saltou pola fiestra. O rapaz non volveu ao coro, pero foi o noso heroe todo o curso.


·         Que soías facer despois do colexio?

Despois do colexio miña nai mandábame coidar as vacas,limpar as cuadras, ir a por leña para a lareira ou cousas así. Polo día sempre tiñamos tarefas que facer, entón ás veces xogábamos a pelota e no verán íamos ao río.


·         Canto tempo estabas no colexio?

Tiñamos catro horas de clase pola mañá e catro pola tarde. O patio era pequeno e cada un xogaba ao que quería nos recreos. Ao que máis se xogaba era á pelota e á corda. Cada un saía a hora que o profesor quería, non había hora fixa.



·         Que materiais utilizabades na clase?
 Tiñamos un libro, o Catón, nel aparecían todas as materias e escribiamos con pluma.

·         Cales eran as normas principais?

As normas de clase eran practicamente como as da mili.Tiñamos que estar serios, calados, sen levantarnos e pedindo permiso para todo.

·         Como era o día a día no colexio?
Sempre nos puñan de pé e nos ían numerando para estudar e preguntarnos nesa orde ao día seguinte. Abríamos o libro e como estaba dividido en apartados, estudabamos só o que nos ía a tocar e o profesor pensaba que o sabíamos todo. O malo era que cando alguén faltaba a orde cambiaba, así que os que non estudabamos todo, quedabamos castigados. Cando nos castigaban dábannos cunha regra de madeira nas puntas dos dedos das mans ou nos pés.
Constantino con once anos.

·         Sabes algo dos teus compañeiros?

Había un rapaz que era moi listo, abría o libro cinco minutos e xa o sabía todo. Por desgraza o outro día fun a Vigo e encontreino de vagabundo no porto pedindo.

Andrea Castro Jiménez
Antía Cruces García
María Pereira Maneiro
Paula Vilariño Gasamáns      

A ESCOLA DOS AVÓS: Alejandro, Alberto, Víctor (3º S)

Biografía e Vida Escolar de María del Carmen Bugallo Pena

Biografía.-
María del Carmen, “Carmiña”, naceu en Teixeiro-Curtis, na
provincia de A Coruña, o 16 de setembro de 1928. Foron sete
irmáns dos cales os dous maiores eran homes e o resto eran
mulleres. Ela era a terceira dos sete. A súa familia tiña unha
carnicería, que ademais era casa de comidas e hostal. Aos 10
anos a súa nai enfermou de tuberculose e ela estivo coidándoa
durante dous anos, ata que morreu. Daquela os irmáns quedaron
ao coidado do seu pai, que morrería seis anos despois da morte
da nai. Nese momento toda a familia foi vivir á casa da avoa (que
estaba na mesma aldea).
Todos os irmáns foron á escola que había na aldea ata que remataron os estudos
aos 14 anos. Aos 24 anos casou e tivo catro fillos. Debido ao traballo do seu marido
(xefe de estación), tiveron que pasar un ano en Granada. Despois mudáronse a
Santiago no ano 1961, onde estivo vivindo ata agora.
Vida escolar.-
Comezou a ir á Escola Rural de Teixeiro (actualmente
inexistente) aos cinco anos e nela permaneceu ata os 14.
Na aldea había dúas escolas, unha para os nenos e outra
para as nenas, e non facía falta a utilización de uniforme
en ningunha das dúas. Escola Rural de Teixeiro
Só había unha clase na que había 105 rapazas de diferentes cursos, as maiores
sentábanse adiante e as pequenas atrás. Só había unha profesora que daba todas
as materias (Doña Amparito). O profesor dos rapaces (Don Manuel) era o marido
de esta.
O trato que estes profesores lles daban aos seus
alumnos era moi bo, e os castigos case nunca
eran físicos. As rapazas e os rapaces saían ao
recreo a diferentes horas para evitar que
estivesen xuntos. Estaba prohibido levar
xoguetes á escola e ás veces a profesora xogaba
coas rapazas máis pequenas.
A clase de Carmiña
Tiñan clases de luns a venres, pola mañá (de 9:00-12:30) e pola tarde (de 14:30-
17.00), agás os xoves que non tiñan clase pola tarde.
Debido á pouca distancia da escola ata a súa casa, Carmiña podía ir xantar coa
familia. No recreo intercambiaban a merenda entre compañeiros. Soía ser pan de
trigo con algunhas pastillas de chocolate, de vez en cando.
Non tiñan exames e ao final de cada curso non lles
entregaban boletín de notas. As alumnas ían
pasando de curso e ninguén repetía. As rapazas/es
entraban na escola aos cinco anos, e saían aos 14.
Para escribir utilizaban unas pizarriñas pequenas e
unhas prumas cun tinteiro que estaba incrustado
na mesa, para evitar que caese e o roubaran.
A relixión era algo fundamental, e tiñan que rezar todos os días: cando entraban e
saían pola mañá e cando entraban e saían pola tarde. Ademais os sábados tiñan
que ir á igrexa para facer un exame de conciencia. Tamén debían de aprender de
memoria os Misterios.
Ao volver para a casa levaban o libro que necesitaban estudar para o día seguinte,
pero o catecismo tíñano sempre na casa, porque non saber o catecismo era unha
falta moi grave.
Cando entraban na clase era obrigatorio poñerse en fila, darlle os bos días á
profesora, levantar o brazo cantando o “Cara al Sol” e berrar “¡VIVA FRANCO!”.
Despois a profesora examinaba a todas as alumnas mirando se estaban ben
aseadas (pelo limpo e ben peiteado, roupa adecuada e limpa, orellas aseadas, etc).
No momento en que alguén entraba na clase, todas se tiñan que poñer de pé e
saudar á persoa da que se tratase.
Ademais das materias habituais (Matemáticas, Xeografía, Relixión, etc),
para as rapazas era obrigatorio aprender a coser, e para iso practicaban durante as
horas libres que tiñan no colexio, facendo remendos e
cosendo botóns nun pano de aproximadamente un metro
de longo que lles daba a mestra. Se un non estaba ben
feito, a profesora rachaba o pano e tiñan que facelo
outra vez. A parte diso, as alumnas podían dedicarse a
outras actividades: debuxo, tallas de madeira…
As materias preferidas de Carmiña eran as Matemáticas
e a Relixión, e a que menos lle gustaba era o Debuxo
Técnico, porque non tiñan o material axeitado naquel
tempo.

Aínda así, a pesar das estreiteces e dificultades daqueles tempos, Carmiña déixanos
moi claro que tamén foron tempos moi felices, onde a xente tiña os seus propios
valores dentro dunha sociedade marcada pola escasez e loitas.
Queremos concluir este traballo agradecéndolle a axuda que nos aportou Carmiña,a
nosa fonte de información, para darnos a coñecer con todo detalle os costumes e
usos desa época, e facilitarnos así o noso traballo.

I.E.S. EDUARDO PONDAL  3º S
ALEJANDRO FREIRE PAN
ALBERTO MATO VILLAMARÍN
VÍCTOR CABADA ARMADA
XANEIRO 2013

A ESCOLA DOS AVÓS: Ainoa, Paula, Xiana, Xiomara (4º T)

Vicente López Vila naceu o 25 de setembro do 1932 en Es Castells,
Menorca. Despois de estudar no Tirso de Molina e nunha academia
agora mesmo inexistente, as dúas están en Ferrol, adicou a súa vida a
traballar na Marina. Vicente con oitenta anos de idade, reside
actualmente en Mugardos.
-Bos días Vicente, que tal está?
-Moi bos días. Ben, ben grazas.
-Hoxe vasnos contar un pouco das túas lembranzas na escola,
non?
-Pois si, cando queirades, eu contareivos todo o que son capaz de
lembrar (Gargallada).
-A que idade comezaches a estudar?
-Comecei indo a unha escola de frailes, chamada Tirso de Molina, en
Ferrol, aos sete anos, e aos nove cambiei á academia onde me preparei
para rematar os estudos, tamén en Ferrol. Rematei ao facer bacharelato
con dezaoito anos no Instituto Masculino de Ferrol.
Colexio Tirso de Molina Colexio Tirso de Molina
de Ferrol en 2013 de Ferrol en 1939
-Que horarios tiñades nas clases?
-Como xa vos dixen estudei en dúas escolas. Unha foi a dos frailes, na
que tan só estiven dous anos, e outra, que é da que máis me lembro, é
da escola particular na que preparei o exame para o ingreso en
bacharelato. Nesa escola, entraba pola mañá ás nove e saía ás doce.
Pola tarde, entraba ás catro e saía ás seis. E na dos frailes non o
recordo.
-Que normas había nas aulas?
-Nos frailes tiñamos que esperar ao mestre de pé e cando entraba
saudabámolo e sentabámonos cando el nolo permitía. Na academia, en
cambio, a mestra esperábanos sentada e cando chegábamos,
saudabámola e sentabámonos.
-Se non cumpríades as normas, como eran os castigos?
-Pois... pódese dicir que o castigo máis duro que tiñamos era o de poñer
os dedos xuntos cara arriba e darnos coa regra. Tamén había outros
como poñernos de pé e, ás veces, algún tirón de orellas.
-E levabades uniforme?
-Non, pero tiñamos que ir ben vestidos, xa que se non era así estaba
mal visto.
-Estudabades nenos e nenas xuntos?
-Non, estabamos no mesmo edificio pero en distintas aulas. De feito,
chamábanse aulas masculinas e aulas femeninas.
-Que materias se impartían?
-Relixión, xeografía e historia, castelán, matemáticas e latín apenas un
ano, porque escollín ciencias. Tamén lembro que estudabamos o
francés, e dábaselle a importancia como agora para vós o inglés.
-Que lingua se falaba?
-Todos falábamos castelán.
-Que materiais usabades?
-Nos frailes empregábamos un libro para cada asignatura pero polo
contrario, na academia usábamos tan só un libro para todas as
materias, que pensándoo ben, creo que se chamaba Dalmau Carles. O
material levabámolo nunha carpeta. Tiñamos un cuadernillo de
ortografía e empregabamos lápices ou plumas.
Libro Dalmau Carles.
-Houbo algún compañeiro que sobresaíu?
-Si, había tres que eran moi listos. Pero, bueno, xa sabemos que en
todos os lugares hai un pouco de todo, non? (Gargallada)
-Que facíades no voso tempo libre, se é que o tiñades?
-Si que o tiñamos. Nese tempo saíamos á praza de Amboaxe na que non
pasaban coches e se podía xogar tranquilamente. Os rapaces coma eu,
xogábamos ao fútbol, ao baloncesto e á peonza. As rapazas xogaban á
corda, á mariola... Pero non se podían xuntar os rapaces e as rapazas.
-Había rivalidades entre colexios?
-Non, o que si que había moito compañerismo.
-Facíanse revistas ou excursións?
-Non había revistas, pero si excursións. Pero estas excursións non eran
como as de agora que se vai ao extranxeiro, senón que visitábamos a
cidade de donde eramos.
-Había biblioteca no colexio?
-Dentro da escola non había, cando queríamos ler ou pasar un rato na
biblioteca íamos á municipal.
-Había comedor?
-Non, as clases remataban ás 12 e tíñamos que ir a comer ás nosas
casas.
-Gardas bos ou malos recordos desa época?
-Eu teño bos recordos desta experiencia porque tiven a sorte de non
recibir ningún castigo duro, salvo algún tirón de orellas.
-Pois isto é todo, moitas grazas polo teu tempo.
-Un pracer axudarvos.

Ainoa Seoane Ocón
Paula Tajuelo López
Xiana Villar Franqueira
Xiomara Saenz Hurtado

A ESCOLA DOS AVÓS: Aida, Raquel, Ana (3º S)

Bis Carme. Período escolar do 1936 ó 1942.
A nosa pequena investigación remóntase ó 20 de xaneiro do 1928, cando nace en Céltigos (Frades) Carmen Fabiana, a nosa bis Carme (cómpre aclarar que nós desde pequeniñas chamámoslles así ás nosas bisavoas, por aquilo de “economizar” algunhas letras na nosa inmersión no mundo da linguaxe). O feito de a nosa bis Carme ser a menor de tres irmás permitiulle asistir sempre á escola, priorizando o que nela podía aprender ó coidado dos animais e ós labores do campo. A Bis Carme insiste en que iso llo debe a súa nai, que sempre permitiu que isto así acontecese, aínda cando faleceu seu pai no ano 1937. Recoñece que as súas irmás non tiveron a mesma sorte.
Lembra que foi á escola dende os 8 ata os 14 anos. Corría o ano 1936 cando camiñaba xunto con outros rapaces da aldea, uns cubertos cunha saca de esparto, outros con vellas chaquetas cheas de pulgas, cara á escola da Ponte Carreira, sita no campo da feira. Polo camiño, unha vez comezada a Guerra Civil Española, pasaban os coches cos soldados, e tiñan que levantar o brazo e berrar: “Arriba España”.
Iamos con algo de medo, por se aparecía o “Foucellas”. Era un home que roubaba ós ricos, pero non ós pobres” lembra a nosa avoa, ó tempo que afirma que o seu verdadeiro nome era Benigno Andrade García, veciño da parroquia de Cabroi (Concello de Curtis). A nós parécenos o Robin Hood daquel tempo…
A esta escola acudían todos os rapaces de dúas parroquias: Ledoira e Gafoi. A mestra era Dona Josefina López Díaz, casada con José Botaba e que residía na Ponte Carreira, na casa de Juanatei.
Non sabe quen lle pagaba á mestra, se eran seus pais ou o concello. O que si lembra é que esa muller tiña 4 fillos (un deles do tempo da Bis Carme, co que aínda non fai moito compartiu comida dos “vellos da parroquia”) e unha criada. A impresión que a Bis ten é de que esta mestra non pasaba calamidades coma outros por aí adiante.
O horario era de 9-13 horas e de 15-17. Polas mañás daban as materias e polas tardes bordaban nun pano, facían tapetes cun fleco de arredor, calcetaban, ou debuxaban. O pai da Bis Carme dicíalle á súa nai: “Na mandes á escola porque vai debuxar ás pejas que veñen comer ó niño”.
Tiñan un pequeno recreo a media mañá, no que xogaban á corda, ás agachadas, ó pasimisí, á mariola, ás 4 esquinas…
Os pupitres xa eran de dous, pero como eran moitos, cando non tiñan onde sentar todos, os mais pequenos pousábanse no chan.
Cando ingresaban na escola, dábanlles o material: primeiro escribían nunha pizarra, co pizarrillo, e despois, cando xa o facían ben, pasaban a escribir con pluma no caderno: “Que perda del, quen o tivera agora! Pero os fillos acabáronme con todo! – di a bis do seu caderno. Nela, a mestra ditáballes as Tomas das Provincias; conforme o exército Franquista ía conquistando territorio, os nenos aprendían nas escolas como foran esas batallas: Toma de Madrid, Toma do Ebro: “El río llevaba tanta sangre como agua. La sangre de los españoles que murieron por España” relata a Bis Carme.
As clases e os libros eran en castelán. Traballaban as “4 regras” e os quebrados. Aprendían a ler na “1º, 2ª e 3ª Raya”, que eran unhas cartillas para aprender as vogais e ir formando sílabas e palabras.
2ª Cartilla de Rayas
Cando tocaba estudar as letras do silabario aparecían os problemas para Manuel de Ribadas e Ramón da Ponte, porque vendo que non lle poñían atención ás explicacións, seus pais berrábanlles ó chegar á casa: “A que fostes? Se mirarades para os libros en vez de mirar para os biosbardos”.
Os verbos e a gramática eran unha parte importante da aprendizaxe memorística e por repetición. Os manuscritos, con letra de pluma, servían para practicar a caligrafía.
Na parede da escola tiñan un mapa grande coas provincias, os ríos, as montañas, etc. Nel aprendían Xeografía. Lembra como recitaban os límites de España cantando.
Tamén cantaban o catecismo todos os días e o himno nacional: “Salve bandera de mi patria salva…”.
Non pode esquecer unha vez, sendo ela pequena, como a mestra estaba a ditar moi axiña, e a Bis Carme ó perderse, preguntou ós compañeiros por onde ían... e Dona Josefina pegoulle co cuadradillo. Esta foi a única vez que a mestra lle pegou á Bis Carme, pero era bastante habitual que o fixese a diario cos rapaces menos traballadores e desobedientes. O caso de Lino do Mesón era un deles: asubiaba na escola, non facía os deberes… e claro, iso levantaba todas as iras da mestra!.
A bis Carme tíñalle moito respecto e di que lles ensinaba ben.
Non lle deron ningún certificado ó rematar, con 14 anos. Di que só lle entregaron o seu caderno, compañeiro inseparable dende os seus comezos na escola.
Escoitando as posteriores experiencias dos seus propios fillos, coidamos que a Bis Carme foi unha privilexiada para a época e circunstancias que lle tocaron vivir.
Xa que estabamos no allo, preguntámoslle se lembraba se o seu home, Marcelino Garea Quintela fora á escola. Marcelino naceu no ano 1923 e deixounos en abril do 98, só uns meses antes de ser bisavó por primeira vez.
Si que foi á escola, á mesma ca ela. Tamén con Dona Josefina. Era o maior de sete irmáns e asistía cando os labores da casa llo permitían, pero aínda así, seus pais tiñan un especial interese en que aprendese a ler, a escribir e mais algo de cálculo, para poder emigrar á procura de traballo. Foi o único dos sete irmáns ó que lle permitiron ir á escola, ós outros non. A Bis Carme di que grazas ó que aprendeu, “non había quen lle metera gato por lebre” cando lles viñan pagar o pienso ou o leite.
Aida Garea
Raquel Piferrer Lampón
Ana Sánchez Barreiro