28/2/08

Bandas deseñadas

BANDAS DESEÑADAS

“A RETRANCA... lerasnos de morto se non nos les de vivo” é unha revista mensual de humor galego, deseñada polo artista Kiko da Silva. Xa vai no número 4, custa 2.20 euros. Comprádea, paga a pena empregar eses cartos en
“A Retranca”. Non a perdas!!!!

Librarías de Compostela e bisbarra

LIBRARÍAS DE COMPOSTELA E BISBARRA

En Compostela, recomendámosvos ir á Libraría Couceiro, unha casa restaurada na praza de Cervantes, antiga Praza do Pan compostelá. Son cinco andares de libros para todos os públicos, todo tipo de literatura en galego e español. No andar superior hai un recanto da lectura, onde podes sentar a ler un libro co fondo incomparábel da Praza do Pan. Mentres les, convídante a un café.

Mulleres na literatura galega

MULLERES NA LITERATURA GALEGA

Marga Do Val naceu en Mosende (O Porriño) a finais dos anos sesenta do século pasado. Muller polifacética, comprometida coa lingua e coa cultura galega, profesora,
escrebe poesía,teatro, novela, ensaio... É actriz do grupo Teatro Arte Livre, co que estreou en 2008 “Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegard”, da súa autoría. Lede a súa novela “O Prognóstico da Lúa”.

Recomendacións lecturas do Boletín nº 1

3.- RECOMENDAMOS

3.a. PARA PEQUES
Para menores de seis anos, a colección realizada por Pepe Carreiro OS BOLECHAS, publicados por A Nosa Terra, educa, divirte e entretén. Incomprensíbel unha biblioteca infantil sen Bolechas (os irmáns Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e o seu can Chispa).

3.b. PARA MENOS PEQUES
Calquera dos que cursen de 1º a 6º de Educación Primaria gozarán cos libros de olores e coas aventuras do rato Geronimo Stilton, publicadas pola Editorial Destino. Viaje en el tiempo, da autoría do propio Geronimo Stilton, é unha historia moi instrutiva e moi divertida.

3.c. PARA A ESO
O armiño dorme, de Xosé Antón Neira Cruz, Ed. Galaxia, conta a historia de Bianca (Bia) de Médici, filla bastarda de Lorenzo de Médici. Na súa tumba apareceu aos seus pés un armiño e un diario no que conta a súa vida. Vaivos encantar.

3.d. PARA BAC
Unha novela negra: Ollos de auga, de Domingo Villar, na Ed. Galaxia. En Vigo o inspector Leo Caldas e o seu axudante, o arroutado axente zaragozano Rafael Estévez, teñen que resolver o asasinato dun saxofonista homosexual. Moi entretida e inesperada.

3.e. PARA MAIORES
De libros en ESPAÑOL, escollemos Quattrocento, de Susana Fortes, Editorial Planeta (2007). Unha historia fascinante que recrea un crime que a Historia tardou 500 anos en resolver: a conxura do 26 de abril de 1478 contra os Médici en Florencia investigado por unha estudante galega na Florencia do s. XXI.
Das novelas en GALEGO, eliximos A xeira das árbores, de Teresa Moure, colección Medusa Narrativa da Editorial Sotelo Blanco. Conta a andaina vital, a xeira dunha muller con tres fillos. Moi entretido e realista.

Grimpow

Grimpow é unha novela de Rafael Abalos, que publicou a Ed. Montena, xa vai na 8ª edición e non me estraña, porque trata dunha “pedra filosofal” que encontrou o protagonista, Grimpow, e que muda a súa vida e o seu destino...
Gustoume moitísimo a historia, xa que é á vez misteriosa e mostra a grande amizade que pode haber entre persoas. Pareceume impresionante.
Min-Chun Hsieh (2º S, ESO)

O cero escuro

O cero escuro, de An Alfaya, da Edit. Luis Vives, 2003, é un libro que me encantou porque ten moita intriga e obrígate a estar cada vez máis atenta. Gustoume a historia de amor de Manel e Nadia. Nadia vai pasando de ser un “cero escuro” para todo o mundo e para Manel (que é o mozo que lle gusta) a ser unha persoa importante e a que todos aprecian, xa que intentou coller máis confianza en si mesma. Recoméndollelo a todos os rapaces e rapazas da miña idade, porque fai descubrir como é o amor de verdade e tamén que hai xente en quen non podes confiar, por moi bonito que sexa o que che digan.
Verónica Tuñas Gómez (4º S, ESO)

A revolta dos animais

A revolta dos animais, de George Orwell, publicado en galego por Edicións Positivas, gustoume moito porque é unha historia moi ben contada. Eu recomendaríao porque é un libro divertido e cunha grande carga política escondida detrás da historia, un libro antitotalitarista, aínda que creo que a crítica que o libro fai está un pouco en desuso, porque creo anticuado o concepto de totalitarismo. Lédeo.
Víctor Manuel Giadás (4º S, ESO)

O neno con pixama a raias

O neno con pixama a raias é un apaixoante relato contado desde a perspectiva de Bruno, un neno de 9 anos, que non é máis especial que calquera outro neno, pero si é especial o traballo do seu pai.
Este libro regaláronmo por Reis, regaláronmo pedíndome que non lese de que ía a historia, quen mo regalou sabía de que ía, pero creu acertadamente que me encantaría. E así foi, é un dos poucos libros que tantas veces me puxo a man na boca horrorizada.
Non hai medo, non hai sangue, non hai monstros, pero é horroroso, porque...
Non vou desvelar nada deste libro, pero, por favor, eu recomendo que o leades porque ás veces se nos esquece o que pasou, ás veces esquecemos o afortunados que somos...
É un libro que vou prestar a todos os meus coñecidos e vou instar a que se lea, a que o devoredes, a que o sintades, a que o corazón se vos encolla, só é unha narración dun neno de nove anos que se muda coa súa familia a vivir a unha casa ao lado dunha valla moi alta, desde onde se ve...
Sara García González (2º C, BAC)

27/2/08

Quen somos e que pretendemos

OUTROS MUNDOS PARA-LELOS
CLUBE DE LECTURA


E logo vós, os dese Clube de lectura, de quen vides sendo?
Iso, de quen vimos sendo? Pois do Eduardo Pondal, o noso Instituto. Somos un grupo que desexamos fomentar a lectura, animarvos a que leades máis. Porque queremos vivir outras vidas e vivir outros mundos en que as historias nos introducen: novos mundos paralelos para lelos, mundos que podemos ler, recrear e soñar...

E cando nos habemos reunir?
Os venres de todas as semanas no segundo recreo. Estaremos no Departamento de Lingua e Literatura Galega, no primeiro andar do Instituto.

E quen pode formar parte do clube de lectura?
Toda as persoas da comunidade escolar do IES Pondal (alumnos e alumnas da ESO, de BAC, profes, pais, nais, persoal non docente...), quen queira coñecer novos libros, quen queira recomendar todo o que se poida ler (bandas deseñadas, novelas policiais, de aventuras, do que sexa....) poden participar no noso clube.

E de que che vai valer a ti este clube?
Podemos intercambiar libros de lectura, pedilos emprestados ou deixar os nosos... Podes levalos a casa para os ler... pagando un módico prezo, iso si: logo de acabares o libro, hai que dar, na reunión seguinte, a túa opinión sobre el... Hai xa varios exemplares de “Harry Potter e as reliquias da morte”. Tamén podes suxerir que libros vos apetecería que comprásemos.

E como nos comunicaremos coa comunidade educativa?
Todos os meses publicaremos un Boletín con novidades e con opinións. Á parte temos un blog onde cadaquén pode publicar as súas recomendacións e propoñer novas ideas.

E que cómpre facer para acceder ao blog de “Outros mundos para-lelos”?
Doado: vas á páxina www.ies.eduardo.pondal e premes na ligazón Mundos para-lelos. Ah! E non esquezades ler o blog da biblioteca... Lembra que en cada aula hai un ordenador desde o que se accede a estes blogs.

Que teño que facer se quero colaborar coas miñas opinións no Boletín ou no blog?
Moi fácil, os venres no segundo recreo achégaste ao Departamento de Lingua e Literatura Galega e entregas as túas opinións. Podes traer caricaturas, debuxos, pasatempos, contos... e o que se che ocorra.

E de que seccións fixas constará este Boletín?
1.- O libro do mes
2.- Reseñas
3.- Recomendamos (EI, EP, ESO, BAC, Maiores)
4.- Mulleres na literatura galega
5.- Visita por librarías e bibliotecas de Compostela e bisbarra
6.- Bandas deseñadas
7.- O noso blog
8.- Colaboracións varias (concursos, debuxos, pasatempos, etc...)

La elegancia del erizo

Título: La elegancia del erizo.
Autora: Muriel Barbery
Editorial: Seix Barral
Colección: Biblioteca Formentor
Páxinas: 424

De literatura estranxeira aconsellamos o premio dos libreiros franceses do ano 2007, que foi un fenómeno editorial en Francia e que tamén tivo moita aceptación en España. Tamén recibiu o premio "Cultura e Bibliotecas para todos".
A historia ocorre no número 7 da Rue Grenelle, un inmoble burgués de París, onde nada é o que parece. Paloma, una solitaria nena d edoce anos, e Renée, a moi intelixente porteira, agochan un segredo. A chegada dun home misterioso facilitará o encontro destas dúas almas xemelgas. Xuntas han descubrir a beleza das cousas pequenas, invocarán a maxia dos efémeros praceres e inventarán un mundo mellor.
A elegancia do ourizo é unha novela optimista, un pequeno tesouro que nos revela como se pode sobrevivir grazas á amizade, grazas ao amor, grazas á arte.
As páxinas da historia tecen, como Penélope, un cautivador himno á vida e á esperanza.