28/6/15

O CURRUNCHO DA LECTURA

Espertou sobresaltado. Non lle gustaba o que estaba soñando. Estendeu o brazo e nada encontrou á súa beira. Asustado, acendeu a luz e, ao momento, volveu a escuridade outra vez. Era unha sensación estraña a que sentía. Non se sentía realmente no seu corpo. De feito, atopábase dentro del flotando, sen capacidade para movelo. Nese momento, el era só os seus pensamentos, ideas, opinións, sentimentos e todo iso estaba pechado nun corpo material que semellaba inerte ao que non podía controlar.
Aquel movemento de brazo fora o último que percibira a través dos sentidos. Despois todo se sumira nunha tranquilidade e unha calma absolutas; un benestar que xamais experimentara inundaba o ser inmaterial no que se convertera. Só había algo que o retiña naquela escuridade exterior. O corpo que unha vez lle pertencera interpúñase entre as tebras e a luminosidade que se supuña que viña despois. O corpo estaba oprimíndoa pouco a pouco, coitando contra os desexos do seu espírito de liberarse, de deixarse levar polas cousas boas do mundo e expulsar todos os malos sentimentos acumulados. Nembargantes, a súa vontade resistía e intentaba apropiarse da forza que lle quedaba ao seu corpo material. O único que desexaba a súa alma era cegar a ese lugar onde todo estaría desbordando paz, un lugar idílico.
A loita entre ambas partes continuaba e, pouco a pouco, o seu espírito gañaba terreo sobre o corpo. A busca do ben e da felicidade impúñase ao desexo do corpo por ficar naquel mundo material cheo de sentimentos negativos. E comezou a ascensión cara ao ceo. O seu positivismo aumentaba, todo se vía máis bonito dende esa perspectiva. Todos os seus sentimentos malos íanse liberando. Aquilo era todo o bo que se podía soñar.   ADRIANA VENCE NOGUEIRA (4º ESO)

No hay comentarios: