Bis Carme.
Período escolar do 1936 ó 1942.
A nosa pequena
investigación remóntase ó 20 de xaneiro do 1928, cando nace en
Céltigos (Frades) Carmen Fabiana, a nosa bis Carme (cómpre aclarar
que nós desde pequeniñas chamámoslles así ás nosas bisavoas, por
aquilo de “economizar” algunhas letras na nosa inmersión no
mundo da linguaxe). O feito de a nosa bis Carme ser a menor de tres
irmás permitiulle asistir sempre á escola, priorizando o que nela
podía aprender ó coidado dos animais e ós labores do campo. A Bis
Carme insiste en que iso llo debe a súa nai, que sempre permitiu que
isto así acontecese, aínda cando faleceu seu pai no ano 1937.
Recoñece que as súas irmás non tiveron a mesma sorte.
Lembra que foi á escola
dende os 8 ata os 14 anos. Corría o ano 1936 cando camiñaba xunto
con outros rapaces da aldea, uns cubertos cunha saca de esparto,
outros con vellas chaquetas cheas de pulgas, cara á escola da Ponte
Carreira, sita no campo da feira. Polo camiño, unha vez comezada a
Guerra Civil Española, pasaban os coches cos soldados, e tiñan que
levantar o brazo e berrar: “Arriba España”.
“Iamos con algo de medo,
por se aparecía o “Foucellas”. Era un home que roubaba ós
ricos, pero non ós pobres” lembra a nosa avoa, ó tempo que afirma
que o seu verdadeiro nome era Benigno Andrade García, veciño da
parroquia de Cabroi (Concello de Curtis). A nós parécenos o Robin
Hood daquel tempo…
A esta escola acudían todos
os rapaces de dúas parroquias: Ledoira e Gafoi. A mestra era Dona
Josefina López Díaz, casada con José Botaba e que residía na
Ponte Carreira, na casa de Juanatei.
Non sabe quen lle pagaba á
mestra, se eran seus pais ou o concello. O que si lembra é que esa
muller tiña 4 fillos (un deles do tempo da Bis Carme, co que aínda
non fai moito compartiu comida dos “vellos da parroquia”) e unha
criada. A impresión que a Bis ten é de que esta mestra non pasaba
calamidades coma outros por aí adiante.
O horario era de 9-13 horas
e de 15-17. Polas mañás daban as materias e polas tardes bordaban
nun pano, facían tapetes cun fleco de arredor, calcetaban, ou
debuxaban. O pai da Bis Carme dicíalle á súa nai: “Na mandes á
escola porque vai debuxar ás pejas que veñen comer ó niño”.
Tiñan un pequeno recreo a
media mañá, no que xogaban á corda, ás agachadas, ó pasimisí, á
mariola, ás 4 esquinas…
Os pupitres xa eran de dous,
pero como eran moitos, cando non tiñan onde sentar todos, os mais
pequenos pousábanse no chan.
Cando ingresaban na escola,
dábanlles o material: primeiro escribían nunha pizarra, co
pizarrillo, e despois, cando xa o facían ben, pasaban a escribir con
pluma no caderno: “Que perda del, quen o tivera agora! Pero os
fillos acabáronme con todo! – di a bis do seu caderno. Nela, a
mestra ditáballes as Tomas das Provincias; conforme o exército
Franquista ía conquistando territorio, os nenos aprendían nas
escolas como foran esas batallas: Toma de Madrid, Toma do Ebro: “El
río llevaba tanta sangre como agua. La sangre de los españoles que
murieron por España” relata a Bis Carme.
As clases e os libros eran
en castelán. Traballaban as “4 regras” e os quebrados. Aprendían
a ler na “1º, 2ª e 3ª Raya”, que eran unhas cartillas para
aprender as vogais e ir formando sílabas e palabras.
2ª
Cartilla de Rayas
Cando
tocaba estudar as letras do silabario aparecían os problemas para
Manuel de Ribadas e Ramón da Ponte, porque vendo que non lle poñían
atención ás explicacións, seus pais berrábanlles ó chegar á
casa: “A
que fostes? Se mirarades para os libros en vez de mirar para os
biosbardos”.
Os verbos e a gramática
eran unha parte importante da aprendizaxe memorística e por
repetición. Os manuscritos, con letra de pluma, servían para
practicar a caligrafía.
Na parede da escola tiñan
un mapa grande coas provincias, os ríos, as montañas, etc. Nel
aprendían Xeografía. Lembra como recitaban os límites de España
cantando.
Tamén cantaban o catecismo
todos os días e o himno nacional: “Salve bandera de mi patria
salva…”.
Non pode esquecer unha vez,
sendo ela pequena, como a mestra estaba a ditar moi axiña, e a Bis
Carme ó perderse, preguntou ós compañeiros por onde ían... e
Dona Josefina pegoulle co cuadradillo. Esta foi a única vez que a
mestra lle pegou á Bis Carme, pero era bastante habitual que o
fixese a diario cos rapaces menos traballadores e desobedientes. O
caso de Lino do Mesón era un deles: asubiaba na escola, non facía
os deberes… e claro, iso levantaba todas as iras da mestra!.
A bis Carme tíñalle moito
respecto e di que lles ensinaba ben.
Non lle deron ningún
certificado ó rematar, con 14 anos. Di que só lle entregaron o seu
caderno, compañeiro inseparable dende os seus comezos na escola.
Escoitando as posteriores
experiencias dos seus propios fillos, coidamos que a Bis Carme foi
unha privilexiada para a época e circunstancias que lle tocaron
vivir.
Xa que estabamos no allo,
preguntámoslle se lembraba se o seu home, Marcelino Garea Quintela
fora á escola. Marcelino naceu no ano 1923 e deixounos en abril do
98, só uns meses antes de ser bisavó por primeira vez.
Si que foi á escola, á
mesma ca ela. Tamén con Dona Josefina. Era o maior de sete irmáns e
asistía cando os labores da casa llo permitían, pero aínda así,
seus pais tiñan un especial interese en que aprendese a ler, a
escribir e mais algo de cálculo, para poder emigrar á procura de
traballo. Foi o único dos sete irmáns ó que lle permitiron ir á
escola, ós outros non. A Bis Carme di que grazas ó que aprendeu,
“non había quen lle metera gato por lebre” cando lles viñan
pagar o pienso ou o leite.
Aida Garea
Raquel Piferrer Lampón
Ana Sánchez Barreiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario